 |
| Sala Máquinas 1 |
Sita nun lugar privilexiado do casco vello de Santiago de Compostela (na rúa das Orfas), A Chocolataría toma o seu nome da desaparecida fábrica de chocolates ‘Raposo', lugar aínda vivo na memoria dos cidadáns composteláns, fundado en 1902 sendo ata hai moi pouco un dos negocios máis antigos da cidade.
É precisamente esa memoria a que da sentido a un espazo que non quere competir coa limpeza aséptica dos habituais lugares dedicados á arte contemporánea, senón polo contrario traballar dende o reto dun lugar cargado de forza sentimental a quen o lembre, e física a quen tente traballar nel a partir da experiencia estética.
O espazo, de 900 m2, consta de sete salas de moi distintas características, ademais dun atractivo xardín e unha terraza de dobre altura. Desas salas, só a sala de entrada é habilitada dunha maneira máis convencional para a exhibición de arte contemporánea, mentres as outras mantéñense fieis á súa orixe funcionando dende unha estética do aparente abandono como veñen nacendo algunhas propostas similares noutros países estranxeiros; a profusión de museos de arte contemporánea en España que funcionan baixo unhas mesmas premisas, entendemos que é un estímulo para un proxecto como A Chocolataría, con poucos modelos similares, sobre todo nunha ampla rede xeográfica.
En definitiva, unha chocolataría nun edificio do século XIX é o lugar escollido neste primeiro ano para dar forma á idea de recuperar espazos baleiros da cidade, habilitalos e dotalos dunha nova función; un doce reto que nace dende a flexibilidade, a apertura e a demanda social.
|